O cine do domingo 14 de setembro: Punishment Park

Ás 21.30, teremos a presentación do libro “Peter Watkins. Historia de una resistencia”, coordinado por Ángel Quintana.  

 E despois proxectaremos:

PUNISHMENT PARK

Dirección: Peter WatkinsGuión: Peter Watkins en colaboración cós actores. Produción:Françoise Films. Fotografía: Joan Churchill. Intérpretes: Jim Bohan, Paul Alelyanes, Carmen Argenziano, Stan Armsted, Harold Beaulieu. Dur.: 88 min.
Gracias á situación vivida hoxe en Guantánamo, sabemos que a sublimación paranoica de Watkins non andaba errada: un grupo de activistas son levados a Punishment Park, centro de internamento californiano para condenados por delictos políticos. A salvación pende dun reto extremo: atravesar un deserto en 3 días coa policía detrás e chegar á bandeira estadounidense… Outro grupo de acusados é xulgado preto….Todas as descualificacións posibles caeron sobre o autor por este psicodrama de denuncia cheo de forza.

Na obra do británico Peter Watkins (1935) os procedementos innovadores parten dunha hibridación entre a débeda coa tradición documentalista clásica británica radicalmente mesturada con recursos de diversa procedencia empregados para subverter ou fracturar a ilusión da representación: dramatizacións e reconstrucións realistas, docudrama, reportaxe, noticiarios, filme-enquisa, cine directo… Isto permítelle elaborar unha arte complexa e comprometida, de ton transgresor, nas antípodas da Monoforma de representación dominante do cinema de consumo. Cineasta itinerante, a pesares do recoñecemento crítico e os premios a The War Game (1966), a súa traxectoria está presidida polos obstáculos e a escasa difusión da súa produción. Ben sexa traballando para cadeas de televisión e productoras británicas ou escandinavas, sufragado por activistas internacionais ou pola canle Arte, Watkins sofre censuras ou vetos, sen que a iconoclastia e o interese dos seus enunciados desapareza. A clarividencia dalgunhas das súas veraces apostas narrativas e temáticas plásmase no terreo da política-ficción mediante a parábola ou a alegoría de tintes máis sombríos. É difícil non loar as eleccións realizadas nunha ducia longa de traballos: os riscos da carreira armamentística, o ambivalente poder dos medios de masas, a crispación e o control, o terrorismo de estado, o achegamento a artistas radicais (o pintor Munch, o dramaturgo Strindberg) ou a revisión de feitos históricos precisos esquecidos ou hipotéticos. Pasado e futuro son os dous epicentros de indagación e estructura da narración que nos destapan na súa obra as inquedanzas do presente. Un creador como Peter Watkins enlaza con moitas das claves e incógnitas do discurso fílmico, histórico e sociopolítico contemporáneo. Esbozando desde os inicios unha ruptura coas fronteiras preestablecidas entre documental e ficción, utiliza con lucidez e elevados graos de militancia mecanismos de distanciamento que o conducen entre o ensaio, o máis doloroso dos fakes e a exploración no simulacro: nestas ficcións da realidade atopamos o auténtico manifesto do seu cinema de busca. Así, en La commune(1999), alcanza unha experiencia única de reescritura das tradicionais relacións autor-espectador, que harmoniza cos postulados de interacción que difuminan a nosa aparente pasividade como público e con certa e moi axeitada percepción dos derroteiros que toman hoxe as rupturas e desafíos na arte audiovisual. Unha coherente culminación das súas investigacións, iniciadas hai case 50 anos. 



Leave a Reply